Retiran de Steam o xogo Batman: Arkham Knight mentres corrixen os seus problemas de rendemento

xoves, 25 de xuño do 2015 Marcus Fernández

O xogo Batman: Arkham Knight está a chamar moito a atención estes días, conseguindo unha acollida magnífica entre a crítica e o público de consolas, colocándose incluso nas quinielas para mellor xogo do ano ao ser o título máis completo desta saga (chegando incluso a introducir bastantes novidades e enriquecer considerablemente a súa historia) pero está a proxectarse unha negra sobra sobre este título por culpa da súa versión de PC, que presenta problemas de rendemento, o que levou a unha medida sen precedentes: Warner Bros. suspendeu as súas vendas temporalmente.
Cando imos agora á ficha do xogo en Steam, vemos que desapareceu a opción de compra, medida que busca que os compradores non se sintan defraudados por un título que non supera os niveis esixibles para un lanzamento deste peso, mentres que os usuarios que xa adquirisen o xogo poden solicitar a devolución dos seus cartos.
Actualmente están a traballar para solucionar os problemas detectados no xogo, e unha vez resoltos continuarase coa súa comercialización para PC, aínda que o máis rechamante desta drástica medida é que hai moitos usuarios que non teñen problemas para gozar do título (ou simplemente os problemas resultan pouco molestos), polo que tampouco parece moi razoable impedirlles a súa compra.
O que queda claro é que a Warner quere coidar esta franquía, e non quere que unha versión pouco optimizada dunha das súas entregas poida prexudicar á súa reputación, polo que toman unhas medidas que deberían chamar á reflexión a moitas outras compañías do sector, que comercializan títulos que en moitos casos tardan meses en funcionar correctamente debido a que claramente se puxeron á venda sen estar rematados, vicio contraído por moitos estudios de videoxogos dende a popularización das actualizacións descargables.

A mala optimización da versión para PC parece ser unha ameaza maior para Batman que o propio Cabaleiro de Arkham.

PUBLICIDADE