Retegal comeza a planificación das infraestruturas de telecomunicación galegas para os vindeiros anos

luns, 16 de abril do 2012 Redacción

Centro de Retegal en San MarcosA empresa pública de telecomunicación Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, está a elaborar un Plan Sectorial para a implantación e desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicación que xestiona e que son da Xunta de Galicia, e que están a ser chave no desenvolvemento do Plan de Banda Larga para dotar de acceso a Internet a todos os galegos. No marco deste Plan, Retegal ten previsto construír entre 2012 e 2013 un total de 116 novos centros que se unirán aos preto de 200 que hai na actualidade.
Co Plan Sectorial búscase ordenar as infraestruturas existentes, formular a evolución previsible a medio e longo prazo e estimar as necesidades das mesmas. Tamén se analizarán as posibilidades de implantación de novas infraestruturas e instalacións para determinar os principais criterios de instalación.
Para alcanzar estes obxectivos o Plan ocuparase de:
- Analizar todas as infraestruturas existentes xestionadas por Retegal e a situación urbanística na que se encontran cada unha delas e o papel que cumpren tanto dende un punto de vista loxístico como operativo e tecnolóxico dentro da rede pública.
- Establecer as medidas que se consideren necesarias para a súa posible evolución e conservación
- Cuantificar as necesidades de infraestruturas terrestres que, a curto e medio prazo, se detectan nas catro provincias que integran o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Localizar as áreas territoriais máis deficitarias destas infraestruturas.
- Deseñar criterios obxectivos de localización para os distintos ámbitos de solo que haberán de ser reservados para a creación destas infraestruturas.

PUBLICIDADE