Retan a estudantes da ESO a desenvolver un dron capaz de apagar un lume

martes, 10 de maio do 2022 Redacción

A Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) reunirán o vindeiro 20 de maio a preto de 180 estudantes de terceiro de ESO chegados dos 18 centros escolares de toda Galicia que foron seleccionados para participar na 1ª Liga Maker Drone, impulsada por ambas as entidades. A xornada de exhibición das solucións que os participantes estiveron a desenvolver desde o mes de febreiro de 2022 para responder o reto da liga, que consiste en construír e programar un dron para axudar a combater incendios, terá lugar no Coliseum da Coruña. A Liga Maker Drone é a primeira iniciativa destas características de ámbito autonómico en España e ten como fin último o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións.
Tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar un dron capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, á planta dun edificio no que haxa un incendio simulado para contribuír á súa extinción no menor tempo posible. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselle un dron, formación e orientación por parte da organización.

Xurado e premios

As demostracións das solucións deseñadas por cada equipo serán avaliadas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
– Premio ao equipo gañador da competición. Esta categoría resolverase en modalidade torneo, na que os equipos competirán simultaneamente para levar a cabo correctamente a misión definida no desafío no menor tempo posible.
– Premio ao mellor deseño. Nesta categoría valorarase a optimización do deseño, de acordo cos requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
– Premio á solución máis disruptiva, na que se valorará a creatividade e innovación da solución proposta para resolver o desafío.
– Premio á habilidade en voo, onde se valorarán as habilidades de pilotaxe de drons.
– Premio especial do público á mellor presentación, segundo expresión oral, claridade e medios gráficos utilizados para a exposición.

Obxectivos xerais

A través dunha experiencia participativa e estimulante, a Liga Maker Drone persegue os seguintes obxectivos:
– Converter aos estudantes en actores activos en aplicacións tecnolóxicas, estimulando o seu interese, creatividade e autonomía.
– Sensibilizar aos alumnos sobre a relevancia da tecnoloxía, facilitando o seu uso na aula para o seu uso en asuntos da vida diaria.
– Contribuír á orientación profesional dos estudantes de ESO, a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
– Difundir o coñecemento tecnolóxico de maneira amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa mediante o uso de novas formas participativas na aula.
– Contribuír á educación científico-técnica da sociedade, mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polos estudantes.

PUBLICIDADE