Resident Evil Village chegará a Stadia cun Chromecast Ultra e un mando de agasallo

luns, 22 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Unha das grandes promocións que provocou que moitos xogadores desen unha oportunidade á plataforma de xogo na nube de Google foi a que, coa compra de Cyberpunk 2077 incluían a Premiere Edition de Stadia, lote composto por un Chromecast Ultra e un mando de Stadia, e aínda que esa promoción morreu de éxito (esgotaron rapidamente as unidades de Premiere Edition) queren repetila e agora anuncian a mesma promoción co xogo Resident Evil Village, de xeito que poderán beneficiarse da oferta os que adquiran o xogo antes do 21 de maio.
Resident Evil Village está xa á venda en Stadia en reserva a un prezo de 69,99 euros, prezo bastante inferior aos 99,99 euros que custaba orixinalmente a Premire Edition de Stadia (actualmente dispoñible a 59,99 euros), o que pode levar a moitos a probar Stadia. Amais, a anterior entrega do xogo, Resident Evil 7, chegará a Stadia o 1 de abril, ofrecéndose de balde a subscritores de Stadia Pro, dando así tempo dabondo para que os usuarios que non tivesen un equipo potente dabondo para correr este xogo poidan pórse agora ao día antes de encarar a súa secuela.

Vídeo promocional de Resident Evil Village para Stadia

PUBLICIDADE