Resident Evil: Revelations saltará da 3DS ás consolas domésticas

venres, 23 de novembro do 2012 Marcus Fernández

O xogo Resident Evil 6 foi unha grande decepción para moitos seguidores da franquía de Capcom, especialmente despois de que os usuarios da Nintendo 3DS puidesen gozar do aclamado Resident Evil: Revelations, que recuperaba en boa medida o espírito inicial da saga, e precisamente por iso o seu salto a consolas domésticas parecía inevitable, e parece que está confirmado, pois a entidade encargada de realizar a cualificación por idades en Corea do Sur engadiu na súa listaxe de videoxogos as versións de Xbox 360 e PlayStation 3 do xogo que ata o momento é exclusivo da consola portátil de Nintendo.
Dende Capcom non quixeron confirmar a nova (é de agardar que reserven o anuncio para algún evento posterior á campaña de Nadal), e en vista de que estariamos ante unha conversión dun xogo portátil, non sería de sorprender que fose un título descargable.

JPEG - 122.8 KB
Resident Evil: Revelations destacou por recuperar elementos de survival horror que tanto botaban en falta os seguidores de Resident Evil dende as primeiras entregas

PUBLICIDADE