Resident Evil: Revelations pasará da 3DS ás plataformas de alta definición en maio

martes, 22 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que Resident Evil 6 foi unha das grandes decepcións de 2012, o anterior xogo da saga, Resident Evil: Revelations, conseguiu ter unha moi boa acollida, estando considerado como un dos mellores xogos para Nintendo 3DS, que finalmente vai deixar de ser exclusivo para a consola portátil, e o vindeiro 24 de maio vai chegar ás tendas europeas en versións para Xbox 360, PlayStation 3, PC e Wii U, o que agradecerán os amantes das primeiras entregas da saga, pois este título recupera parcialmente o espírito de xogo de supervivencia e terror, aínda que sen abandonar a acción instituída en Resident Evil 4.
Un detalle destacable deste lanzamento é que para PC e PlayStation 3 o xogo vai chegar un par de días antes en formato descargable (por ser os mércores o día no que se actualiza a PlayStation Store). Tamén pode subliñarse o feito de que Resident Evil: Revelations será o primeiro Resident Evil en contar con versión para Wii U.
Aínda que o xogo será case idéntico ás súa versión portátil, non só diferirá nos seus gráficos en alta definición, senón que tamén contará cun inimigo adicional, un novo modo de dificultade e novas armas e personaxes para o modo de xogo cooperativo.


Trailer das novas versións de Resident Evil: Revelations

PUBLICIDADE