Resident Evil Revelations estrea versións para PS4 e Xbox One

martes, 29 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O xogo Resident Evil Revelations foi un grande éxito para Nintendo 3DS, o que levou a que, pese a estar desenvolvido pensando nunha plataforma portátil moi limitada, a dar o salto a Xbox 360, PS3, PC e Wii U en 2013 e incluso estrear secuela a primeiros de 2015, pero estes últimos xogos xa estaban dispoñibles para consolas de nova xeración, que poderiamos consideralas orfas até hoxe, cando por fin está dispoñible o capítulo que iniciaba a saga, que xa pode mercarse para PlayStation 4 e Xbox One a un prezo de 19,99 euros.
As novas versións deste survival horror contan con gráficos Full HD e todos os contidos descargables previos incluídos, e permitirannos abordar un barco pantasma (o Queen Zenobia) no Mediterráneo encarnando a Jill Valentine na busca de Chris Redfield, descubrindo a verdade oculta tras a destrución dunha cidade flotante.
O xogo tamén inclúe modos de xogo en liña e incluso permite personalizar o control (coas distintas configuracións propias da franquía) para adaptarse ás preferencias dos xogadores.
A finais de ano os usuarios de Nintendo Switch tamén poderán contar con versións para a súa consola de Resident Evil Revelations e Resident Evil Revelations 2.

JPEG - 118.2 KB
O xogo estrea hoxe versión para Xbox One e PS4, e antes do remate do ano chegará tamén a Nintendo Switch

PUBLICIDADE