Resident Evil 5 chega ao mercado envolto en polémica

xoves, 12 de marzo do 2009 Marcus Fernández

No xogo, ambientado en África, vese natural que os inimigos sexan negros

Mañá chega ás tendas españolas o xogo Resident Evil 5 para Xbox 360 e PlayStation3 coa aspiración de ser un dos meirandes lanzamentos do ano, especialmente se atendemos ás vendas xaponesas (onde o xogo saíu antes) pois xa ocupa os postos 1º e 3º das súas listaxes de vendas, con 319.000 copias vendidas para PS3 e 79.000 para a consola de Microsoft respectivamente. Pero este lanzamento vén acompañado de certa polémica, pois nos EE.UU. xa están a crear rebumbio ao redor do suposto racismo do xogo, que está ambientado en África, polo que a meirande parte dos infectados que debemos aniquilar son negros, o que parece que resulta especialmente ofensivo nos EE.UU., onde son máis sensibles a estes asuntos, pero ao facer tales acusacións esquecen que Sheva Alomar, a co-protagonista do xogo, tamén é negra (detalle que non foi arbitrario, segundo comentou Jim Sonzero, director de cinemáticas do xogo).

Non só os inimigos son negros, senón que tamén o é Sheva, a compañeira de Chris durante o xogo

Curiosamente, na anterior entrega do xogo, Resident Evil 4, cando había que matar a españois (aínda que non se dese nome ao país europeo onde os infectados tiñan acento mexicano) non houbo protestas xeneralizadas nos medios locais (aínda que a prensa especializada criticou a mala documentación do equipo que desenvolveu o xogo, que recreou un país rural no que os cidadáns atacan con instrumentos de labranza e podemos escoitar frases coma «detrás de ti, imbésil»). Entendemos así que podemos acusar aos desenvolvedores de Capcom de ignorantes pero non de racistas ou colonialistas, pois parece evidente que non hai mala fe na caracterización dos inimigos do xogo.
O que si poderiamos si poderiamos considerar discriminatorio é que segundo distintas páxinas web a versión para a negra PlayStation 3 de Resident Evil 5 precisaría dunha instalación de 5 Gb no disco duro para xogar, mentres que tal opción para a branca Xbox 360 é totalmente opcional, o que sumado ao feito de que o xogo para a consola de Microsoft presenta un mellor acabado e unha experiencia de xogo en liña máis estable (segundo varias críticas publicadas na última semana) entendemos que os usuarios de PS3 están a ser maltratados por Capcom, o que resulta difícil de entender, a lentitude do lector de Blu-ray da PS3 non parece ser motivo suficiente como para que consola non poida estar á altura da Xbox 360 nas cargas sen instalación.


Resident Evil 4 podería ter sido moi polémico por estar supostamente ambientado en España

O contido descargable

Xa se coñecen detalles do que será o modo Versus</A> do xogo

Aparte das polémicas ao redor do xogo, nos últimos días están a filtrarse (entendemos que interesadamente) detalles sobre o contido descargable que terá no futuro, entre os que destacan os novos modos de xogo en liña: Slayers (Cazadores )e Survivors (Sobreviventes). O primeiro sería un modo competitivo no que cada contrincante busca superar ao resto en puntuación (que se perdería ao morrer no xogo) e o último sería un enfrontamento directo entre xogadores, tendo que sobrevivir tamén ás criaturas que atacan durante unha partida ordinaria.
Polo momento xa se mencionou que estas opcións de xogo en rede estarían integradas nun contido descargable chamado modo Versus, que venderase por 4 dólares na PlayStation Network e 400 puntos (4,8 euros) no Bazar de Xbox LIVE, o que sorprende pola diferenza de prezo (que habitualmente é moi pequena). Ambos teñen variantes individuais e por parellas.

PUBLICIDADE