Reprodutor MP3 para o baño (a proba de molladuras)

venres, 13 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

As duchas mornas e agradables para o corpo humano teñen estragado unha manchea de cancións. Probablemente, moitas das carreiras musicais que máis nos teñen feito sufrir nos últimos tempos a través de 40 Latino teñen o seu froito aí, nese rectángulo ou recadro de auga que cae revitalizadora. Emporiso, non é de estrañar que as empresas de todo o mundo estean a apertar os miolos na procura de novos xeitos de tirarlle proveito a ese particular vínculo entre a música e as actividades acuático-sanitarias, sendo os novos formatos MP3 a boa nova pola que devecían.
Un exemplo disto é o JukeTower, que podemos ver na imaxe e que consiste nun reprodutor MP3 ideal para poñer no cuarto de baño e preto da bañeira, xa que está desenvolvido a proba de auga.
Iso si: como acontece con calquera aparello que consuma enerxía eléctrica ou a enerxía que achegan as baterías, non se recomenda o mergullo do mesmo na bañeira, non vaia ser que a música de Operación Trunfo que poñemos decote a todo volume se escoite peor do que xa se escoita. Por certo, na versión española de Gizmodo tampouco recomendan a inclusión do trebello na taza do váter (as súas razóns terán), aínda que non se debe descartar de xeito inmediato como exercicio para a manifestación do noso punto de vista sobre a música que máis se escoita. Inclúe 2 xigabytes de RAM e reproduce ficheiros MP3 cun altofalante mono de 0,5 vatios e 50 milímetros (pouca cousa, a verdade sexa dita). Tamén ten unha pantalla de cristal líquido de cor vermella e controis na parte superior.

PUBLICIDADE