Réplica da Fender Telecaster para a Xbox 360

xoves, 8 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos musicais que queiran dotalos dun maior realismo poden adquirir a nova guitarra sen fíos que Mad Catz fabrica baixo a licenza de Rock Band e que é unha réplica bastante fiel dunha Fender Telecaster, o que achega unha experiencia de xogo moi satisfactoria, cuns botóns de alta calidade, mastro adaptable para zurdos, conexión para un pedal externo (non incluído) e compatibilidade con xogos coma Rock Band, Rock Band 2, The Beatles: Rock Band, Guitar Hero World Tour e Guitar Hero 5.
A réplica sen fíos da Fender Telecaster para Xbox 360 está á venda nos EE.UU. por 109,99 dólares (73,78 euros), o que para moitos sería todo un luxo, aínda que os máis esixentes poderían optar por outra réplica do mesmo fabricante, que imitaría a mítica Fender Stratocaster e que xa está á venda por 299,99 dólares (202,11 euros). Ambos modelos deberían chegar a Europa nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE