Remix OS adapta Android Lollipop a ordenadores persoais

luns, 11 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

En diversas situacións pode resultar práctico poder correr aplicacións para Android nun ordenador persoal (por exemplo, para poder publicar contidos para plataformas móbiles ou gozar dalgúns xogos) o que provocou a emerxencia de solucións como BlueStacks 2, que mañá contará cun grande competidor, Remix OS, que estreará a súa versión para PC, que vén de filtrarse anticipadamente á Rede.
Estamos ante o que algúns consideran o mellor Android para PC, xa que non se trata dun emulador que corre baixo Windows, senón que achegaría a posibilidade de facer arranque dual, ou sexa, que durante o acendido do noso equipo poderemos elixir entre o sistema operativo principal e esta versión de Android, o que en moitos casos achegaría unha experiencia de uso moi boa, xa que a potencia dos ordenadores persoais adoita ser moi superior á dos dispositivos con Android, de xeito que incluso ordenadores relativamente vellos poderían ser máis que aptos para gozar de contidos multimedia e aplicacións en liña que tanto éxito teñen en Android.
Unha das vantaxes da versión para PC de Remix OS é que pode levarse nunha memoria USB 3.0 (formatada en FAT 32 e cunha capacidade mínima de 8 GB), de xeito que sería unha solución ideal para levar, coa vantaxe adicional de que estamos ante un produto totalmente de balde.
Remix OS para PC aínda está nas súas primeiras versións, polo que non sería un produto maduro, pero podería ser unha interesante solución para moitos equipos, entre os que estarían algunhas tabletas con Windows 10, que poderían gañar así en versatilidade (de feito, a compañía detrás desta versión de Android comercializa a súa propia tableta e incluso un pequeno mini ordenador). Haberá que pendentes desta solución durante os vindeiros meses, xa que semella que vai captar moita atención.

PUBLICIDADE