Regreso al Futuro estreará videoxogo episódico en decembro

mércores, 27 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Esta semana, co gallo do 25 aniversario da triloxía cinematográfica Regreso al Futuro, chega ás tendas unha edición remasterizada destas películas en Blu-ray, que non vai vir soa, senón que a data simbólica está a ser aproveitada por Telltale Games para desenvolver un videoxogo que en decembro sairá á venda en versións para PC e Mac por 24,95 dólares, que máis adiante chegará ao iPad e á PlayStation 3 (sorprende que non chegue á Xbox 360).
Os usuarios que reserven o título agora recibirán unha copia de balde do xogo Puzzle Agent, e realizarán unha achega de 1 dólar á Fundación Michael J. Fox para a Investigación do Parkinson.
Back to the Future: The Game repartirá a súa historia en 5 episodios mensuais na edición en Blu-ray da película (cando menos nos EE.UU.) inclúese un cupón para a descarga de balde do primeiro dos mesmos.
En vista do bo facer ao que nos ten afeitos Telltale Games, podemos agardar un xogo bastante divertido que gustará especialmente aos que gozaron das aventuras temporais de Marty McFly e do doutor Emmett Brown no seu día.

PUBLICIDADE