Reducindo o lixo electrónico: as grandes compañías andan á procura do portátil ecolóxico

mércores, 29 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Para 2009, as vendas de ordenadores portátiles superarán por primeira vez na historia ás vendas de ordenadores de sobremesa, realidade que xa ten ocupados ós fabricantes, que tentan atopar o xeito de aproveitar mellor a enerxía e evitar o denominado e-waste ou, o que é o mesmo, o lixo electrónico. Na actualidade, a vida útil media dun portátil sitúase nuns tres anos, e, segundo un artigo que aborda este tema, só nos Estados Unidos xérase unha media anual de 19.000 toneladas de desperdicios provenientes de portátiles.

O tema en cuestión radica entón en conseguir que: por unha banda os portátiles estendan a súa vida útil e que os refugallos dos mesmos non sexan tan tóxicos, e, pola outra, que mentres estean a ser empregados, os trebellos o fagan do xeito más económico en canto ó emprego de recursos enerxéticos.

Os maiores problemas da toxicidade dos materiais cos que veñen feitos os portátiles parten dos contidos de chumbo, como por exemplos as soldaduras dos circuítos, e os derivados do petróleo contidos nos plásticos, algo que sumado ó feito de que a reciclaxe destes electrodomésticos é particularmente complexa pola singularidade de cada marca e modelo, o panorama require unha inmediata solución.

Como medida para evitar os derivados do petróleo, estase a investigar co emprego dos denominados “bioplásticos”, e, en concreto, a marca Fujitsu xa fabrica un ordenador feito nun 50 por cento por materiais naturais. En canto o problema do chumbo, xa existe unha lexislación na UE para intentar substituír os contido desta substancia, e outras de alta toxicidade ambiental nas plaquetas e periféricos.

O que aínda semella menos probable é que se poida desenvolver un sistema práctico de reciclaxe das partes, xa que o devandito proceso precisa de persoal especializado encargado de identificar, extraer e clasificar un a un todos os compoñentes dos portátiles, razón pola que algunhas persoas teñen proposto que cada fabricante faga unha listaxe de compoñentes e inclúa en cada produto un código identificatorio único que permita mecanizar e automatizar este sistema (algo pouco probable mentres non sexa rendible para as compañías).

O que si resulta máis probable e efectivo é acadar que os portátiles poidan actualizar o seu hardware do mesmo xeito cós computadores de sobremesa. De feito, o fabricante Asus lanzou ó mercado un modelo que permite cambiar o procesador, a tarxeta gráfica e outros compoñentes con só remover un panel e non pasando horas separando as partes do equipo en cuestión.

Outro dos grandes problemas que achega este aumento no consumo de portátiles é que da outra beira da crecente demanda atópanse fábricas que no proceso de produción consumen e contaminan, case sen control. Na construción dos portátiles túrrase de moita luz e de moita auga e expúlsanse fumes de nitróxeno, algo que unicamente pode controlarse coa instalación de plantas máis ecolóxicas, se cadra o punto máis importante e menos doado de levar a práctica.

Por outra banda, unha vez fabricados, os ordenadores persoais son voraces consumidores de enerxía, algo que se pode comprobar cos escasos rendementos das baterías. Neste senso, os fabricantes están a procurar xa o xeito de substituír o actual sistema das pantallas, os discos duros (semella que nuns anos só haberá memorias Flash), e o máis interesante de todo: engadiranse paneis solares ás tapas dos portátiles, tecnoloxía que xa está a funcionar nun prototipo da compañía MSI Computer

PUBLICIDADE