Redondela leva o dominio galego a todos os seus enderezos

mércores, 24 de maio do 2017 Redacción

O consistorio de Redondela nunha imaxe de José Antonio Gil para a Galipedia

O Concello de Redondela, coincidindo coa celebración tripla dos días pasados (a significativa coincidencia do Día das Letras Galegas, o Día da Internet e o Día das Telecomunicacións), vén de anunciar o cambio de todos os dominios dos seus correos electrónicos municipais ao dominio galego .gal. Esta muda, que tamén atinxiu ás páxinas de Internet do Concello (encabezadas por Redondela.gal), foi levada a cabo polo Goberno local para celebrar, como dixemos, a edición 2017 da festividade do 17 de maio. Asemade, quíxose visualizar con estes cambios a importancia de promover o uso da lingua galega ao abeiro das novas tecnoloxías da información. A iniciativa foi acordada polo propio alcalde Javier Bas, en colaboración co departamento de Novas Tecnoloxías, dirixido por Julio Mougán.
Segundo fixo saber o rexedor, a aposta polo domino .gal non é unha medida illada do Concello. De feito, dixo, o Goberno de Redondela tense significado en repetidas ocasións a prol do afianzamento da nosa lingua en “todos os eidos da administración”. E engadiu: “Xa a páxina web deste Concello foi das primeiras institucións en cambio a .gal despois da aprobación do dominio en 2014, e agora queremos dar un paso máis cara á defensa da nosa lingua e decidimos estendelo a todos os correos electrónicos da Administración local”.

PUBLICIDADE