Redegal incrementa de maneira notábel as descargas das apps do Museo Thyssen-Bornemisza

venres, 29 de decembro do 2017 Redacción

Entre os casos de éxito recente da firma galega Redegal, centrada en servizos innovadores de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña, atópase a optimización da maquinaria de promoción, divulgación e comunicación do prestixioso Museo Thyssen Bornemisza na Rede. Máis polo miúdo, grazas ao labor da empresa de Ourense, este gran acubillo de arte, considerado o segundo mellor museo de España, foi quen de aumentar de maneira significativa as descargas das súas aplicacións.
A orixe destes traballos hai que rastrexala nunha necesidade ben concreta do devandito espazo artístico privado: aumentar a súa presenza nos dispositivos tecnolóxicos, facendo fincapé nos aparellos (tabletas, smartphones) das novas xeracións. Redegal, ao abeiro desta demanda, desenvolveu unha estratexia performance centrada en diferentes canles de actuación.
As necesidades concretas do museo eran as seguintes: incrementar o volume de descargas de apps en dispositivos iOS e Android, aumentar o tráfico cualificado cara a web do museo e incrementar a visibilidade da marca.
A estratexia desenvolvida, máis en detalle, pasou por visualizar o Museo nas TIC, impulsar o número de descargas e de marxe de interacción das cinco aplicacións principais do museo, botar man de estratexias de branding en medios do sector e a través de Google Adwords e, tamén, activar campañas de descargas e interacción en Google Adwords, iADS e Facebook Ads.
O resultado de todo este traballo foi un incremento do 41% no tráfico web da información do museo, unha suba do 31% en materia de descargas para iOS e un medre do 72% no ámbito das descargas para sistemas con Android.

PUBLICIDADE