Redegal crea unha app móbil para facer máis doada a preparación dunha voda

xoves, 15 de maio do 2014 Redacción

A empresa de enxeñería dixital para as vendas Redegal, vén de levar a cabo o desenvolvemento dunha aplicación móbil nativa coa finalidade de axudar de maneira simple e cómoda á organización dunha voda. Cómpre dicir que detrás deste proxecto atópase Mary Kay, unha compañía adicada á venda directa de produtos do coidado da pel e maquillaxe con máis de 50 anos de experiencia.
Indo ao miolo da nova, Redegal desenvolveu e deseñou para Mary Kay Noivas ao estilo Mary Kay, unha aplicación móbil nativa tanto para o sistema operativo Android coma para IOS, que permite ás clientas poder organizar o día da súa voda, ver as diferentes opcións de produto, aprender con titoriais e compartir as súas emocións e experiencias co resto do mundo. O doado de empregar a navegación desta aplicación permite que calquera persoa poida acceder e interactuar nela sen ningún tipo de complicación. Unha vez descargada a aplicación, teremos a posibilidade de crear unha conta ou continuar sen o rexistro, aínda que esta opción ten funcionalidades limitadas.
De continuarmos coa opción de rexistro, só se deberá introducir unha serie de datos persoais como: nome, enderezo electrónico, data da voda, para que a propia aplicación estableza as tarefas e datos precisos para a organización do evento. Finalizado este proceso, a seguinte categoría permite seleccionar o tempo restante até a data da voda, onde se despregarán unha serie de actividades que poderemos ir marcando. A seguinte das súas categorías achéganos diferentes estilos de noiva, cos seus produtos de beleza e maquillaxe. Outra categoría amósanos o orzamento para a realización da voda, desagregado en diferentes estados. Poderemos cambiar os nosos datos de usuario, data e orzamento da voda e subir unha fotografía. Por último, a aplicación conta cun servizo de consultoría, seleccionando a cidade ou introducindo un código postal, onde se asignará unha consultora profesional do lugar máis achegado posíbel á residencia da clienta.

PUBLICIDADE