Rede Eléctrica mostra en Santiago a súa experiencia en transformación dixital

martes, 16 de xullo do 2019 Redacción

O desafío da transformación tecnolóxica vainos atopar, no medio do camiño empresarial, queirámolo ou non. Para afrontalo coa maior capacitación posíbel, o o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) está a impartir un amplo programa de charlas divulgativas a través da súa Oficina de Transformación Dixital (OTD): trátase de mostrarnos experiencias de outros profesionais e empresas que xa resolveran o devandito reto, co fin de interactuar con eles e extraer datos de valor. Un deles é Carlos González Patiño, delegado da Rede Eléctrica de España (REE), quen falou da súa experiencia nunha sesión do dito colexio celebrada en Compostela.
A cita, un almorzo informativo, celebrouse na sede compostelá do ICOIIG. Na súa intervención, González Patiño detallou as iniciativas que desenvolve a súa empresa na adaptación ao proceso de transformación dixital. O delegado de REE en Galicia explicou tamén a perspectiva da compañía ante a transición na que está mergullada o sector. No almorzo informativo estivo acompañado, entre outros, polo decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e polo delegado da entidade colexial en Santiago, Fernando Blanco.
124 accións
A actividade deste 16 de xullo en Santiago enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE