Rede Aberta, pioneira en ofrecer tecnoloxía XGS-PON no rural galego

martes, 13 de setembro do 2022 S. P.

Estes días celebrouse en Chantada un acontecemento que abre novas vías para cubrir o noso rural e as nosas zonas máis illadas da mellor cobertura posíbel e de Internet de alta velocidade: a posta en servizo da tecnoloxía XGS.-PON da operadora neutra Rede Aberta. Celebrouse na Adega Vía Romana, na Ribeira Sacra. “Somos pioneiros en ofrecer esta tecnoloxía no noso rural, unha despregadura que multiplica por 10 a velocidade de Internet por fibra”, salientaron os responsábeis de Rede Aberta.
Na presentación, Pere Antentas, director executivo (CEO) de Rede Aberta, explicou que a dita tecnoloxía permite ás empresas dos concellos non urbanos competir en “igualdade de condicións” coas localizadas nas vilas e nas cidades. “Estamos a anticipar o futuro. A demanda de largo de banda medra exponencialmente debido á dixitalización das empresas”, comentou, engadindo que Galicia é primeira comunidade autónoma de toda España en dispor desta “tecnoloxía revolucionaria” que beneficiará ás empresas do rural.

JPEG - 107.1 KB
Presentación do novo servizo de Rede Aberta en Chantada (imaxes de Manuel Ferro)

En concreto, o servizo de tecnoloxía XGS-PON de Rede Aberta equipa ás firmas das contornas non urbanas de conexión mediante fibra óptica a 10 Gbps, “o que supón multiplicar por 10 as capacidades dispoñíbeis nestes momentos”, explicou Pere Antentas, engadindo que na actualidade hai outras operadoras que xa dispoñen desta tecnoloxía en cidades como Madrid, Barcelona ou Alacante, pero Rede Aberta é a “primeira” compañía que aposta pola prestación deste servizo a empresas do ámbito rural e sobre todo en Galicia, unha comunidade cunha elevada dispersión da poboación.
Pere Antentas, explicou que o XGS-PON ofrece ás empresas do ámbito rural unha conexión “ultrarrápida”, un “servizo esencial para poder competir en igualdade de condicións coas que se atopan nunha contorna urbana”. E engadiu: “Achegamos este servizo pola nosa vontade de anticipar o futuro e o compromiso coas empresas e cidadáns que queren emprender e desenvolver as súas vidas no rural. E deben dispor dos mesmos dereitos que aqueles que residente en contornas urbanas”.
Segundo expuxo, “a demanda de largo de banda crece exponencialmente” e nos próximos anos será necesario dispor dunha conexión de 10 Gbps, tanto de subida como de baixada. Servizos como a computación na nube, o vídeo de alta definición, o teletraballo ou o metaverso requiren de maiores capacidades de banda larga”, engadiu.
Na cita tamén estivo presente José Ángel Castiñeira, director de Enxeñaría de Rede Aberta, quen explicou que a tecnoloxía XGS-PON supón “máis velocidade, menos latencia e maior radio de acción para as ligazóns”. Deste xeito, engadiu, pásase de 1Gbps a 10 Gbps e a latencia rebáixase de 4 milisegundos a 1 milisegundos, “catro veces menos”. A maiores, a distancia típica da ligazón óptica pasa de 20 quilómetros a 40 quilómetros, o que supón “duplicar” a capacidade de instalación, “sobre todo nunha comunidade cunha elevada dispersión da poboación, como é o caso de Galicia”, comentou.
Pere Antentas puxo de exemplo a oportunidade que representa a nova tecnoloxía para empresas como Vinigalicia, propietaria de Vía Romana e con adegas nas cinco denominacións de orixe de Galicia, que mantén a súa sede en Chantada. Tamén lembrou que Rede Aberta é unha empresa que acaba de cumprir “dous anos de actividade” e xa está “presente en 39 municipios do rural, con máis de 1,3 millóns de quilómetros de cable tendido para dar servizo de fibra óptica neutra a máis de 181.000 fogares”. Segundo anunciou, a compañía ten previsto investir 121 millóns ata 2025 para chegar a 400.000 fogares e incrementar os servizos de fibra escura, housing e ethernet VPN para as empresas, sobre todo, aquelas que desenvolven a súa actividade no ámbito rural. Así mesmo, a compañía está a promover, xunto a outros socios especializados, a construción dun centro de datos na Ribeira Sacra para ofrecer servizos de Edge Computing. O obxectivo é que as empresas teñan os seus datos próximos, sen necesidade de estar nos macrocentros de datos, situados en lugares remotos e que requiren de elevadas cantidades de enerxía. A tecnoloxía XGS-PON ofrecerase na primeira fase de desenvolvemento nas comarcas de Chantada (Lugo) e Melide (A Coruña) e despois estenderase a outros municipios do ámbito rural. Para iso conta coa colaboración de provedores tecnolóxicos como ZTE, Huawei, Alea Soluciones e as galegas Optare Solutions e Dinahosting, entre outras firmas.

PUBLICIDADE