Red Innova celebrará a súa vindeira cita a mediados de xuño, en Madrid

martes, 7 de xuño do 2011 Raquel Noya

No evento premiarase aos blogueiros máis orixinais, os que fagan a mellor cobertura e os que fagan as mellores fotografías

Din os seus creadores que a Red Innova é “o encontro número 1 de innovación, Internet, creatividade e espírito emprendedor onde Iberoamérica se atopa co mundo”; e como tal, unha sola xornada resulta insuficiente para que poida desenvolver con éxito tódolos seus contidos.
Xa que logo, este encontro ten tres citas anuais importantes: en xuño en Madrid, en novembro en Sao Paulo, Brasil, e en xaneiro en Punta do Este, Uruguay, a onde acoden puntualmente líderes de opinión, emprendedores, directivos, investidores, académicos, bloggers e todo tipo de profesionais interesados en compartir experiencias, ideas e proxectos.
O Teatro Circo Price de Madrid foi escenario escollido pola organización para celebrar a vindeira cita tecnolóxica da Red Innova deste ano, que terá lugar os días 15 e 16 de xuño.
Neste marco, empresarios, emprendedores, innovadores e profesionais TIC chegados de 20 países do mundo, daranse cita para dar a coñecer a importancia que ten Internet nas súas vidas e tamén para aprender doutros profesionais as claves do mundo dixital.
Máis polo miúdo, o programa recolle unha serie de relatorios e workshops que serán impartidos por profesionais da talla de Luke Williams, fellow de Frog Design, Emilio Márquez, CEO de Networking Activo, Pau García Mila, fundador de eyeOS , Gustavo García, CEO e cofundador de BuyVIP, ou María Garaña, presidenta de Microsoft España, que falará sobre como foi o paso do Personal computer ao Personal cloud.
Ademais, a xornada do día 15 contará coa presenza doutros relatores con ampla experiencia nos negocios online, que achegarán as claves para triunfar na Rede como empresarios, así como os segredos para crear “novos e mellores negocios”.
Sebastián Muriel, Umair Haque, Richard Gerver, Paul Walborsky, Guido Grinbaum ou o creador de MercadoLibre.com, Marcos Galperin, son outros dos nomes que se oirán nesta cita, e que nos achegarán, a través da súa visión particular e a súa propia experiencia, as pautas para non perdérmonos na nova era dixital.
A área de workshops, que se desenvolverán de xeito paralelo aos relatorios, contará con representantes de Cisco Systems, Siemens, Oracle Ibérica, Ideateca ou Facebook; esta última firma intervirá, da man de Irene Cano e Laura González-Estéfani, nunha mesa de traballo con consellos prácticos “para ter éxito con Facebook web + Mobile”.
A xornada do día 16 non queda atrás en contidos, e desa volta, o Circo Price de Madrid dará acollida a distintas mesas redondas e relatorios nos que se formará ás persoas asistentes en e-commerce, Marketing e publicidade online, redes sociais ou pago electrónico, entre outros temas.
Destaca a presenza, ese día, de Javier Piedrahita, de MarketingDirecto.com; Anthony Hicks e Corrado Tomassoni, de PayPal, Bernardo Hernández, de Google, ou María Ferreras, de Youtube.
Tamén nesa xornada, daranse a coñecer os gañadores da Red Innova OpenTalent 2011, a competición internacional para novos emprendedores da economía dixital que organiza Red Innova en colaboración co Grupo BBVA.
Para participar neste Encontro, as persoas interesadas só teñen que adquirir o seu ticket de entrada na web oficial de Red Innova, sabendo que se o fan por adiantado o prezo redúcese considerablemente (de 329 a 229 euros).

PUBLICIDADE