Red Dead Redemption 2 por fin está dispoñible para PC

martes, 5 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Tras o seu éxito en consolas, Red Dead Redemption 2 chega finalmente a ordenadores persoais, sendo o primeiro título desta franquía en editarse para PC á vez que ofrece numerosas melloras gráficas e técnicas fronte ás versións de consolas á hora de plasmar a historia de Arthur Morgan e a banda de Van der Linde na súa fuxida polos EE.UU. a finais do século XIX.
O xogo aproveita a potencia dos ordenadores persoais para presentar un maior nivel de detalle e incrementar as distancias de debuxado, unha maior calidade na iluminación global, melloras no tratamento dos ciclos de noite e día, texturas melloradas e incluso soporte para maiores velocidades de fotogramas, resolucións superiores a 4K e configuracións multi-monitor.
Aparte das melloras técnicas, a versión para PC de Red Dead Redemption 2 tamén inclúe actualizacións do modo historia como 3 novas misións de cazarrecompensas, 2 novos agochos de bandas, 2 novos mapas do tesouro, unha nova misión e incluso un novo modo fotográfico para poder retratar a fermosura do modo historia deste coidado título.
Red Dead Redemption 2 para PC tamén inclúe Red Dead Online, un modo de xogo en liña de grande éxito que non para de recibir actualizacións, de xeito que alonga enormemente a vida deste xogo.

Incidencias na estrea

Pero este lanzamento non está a realizarse sen incidencias, e o lanzador de Rockstar Games xa tivo que actualizarse para corrixir os problemas que impedían a moitos xogadores o iniciar a partida neste novo título, e dende Rockstar tamén publicaron unha guía con problemas xerais que foron xurdindo nas últimas horas e as súas posibles solucións.

Tráiler de lanzanto de Red Dead Redemption 2 para PC

PUBLICIDADE