Recon Jet, unhas novas smartglasses de uso deportivo

venres, 17 de abril do 2015 Marcus Fernández

Aínda que parece que tardaremos bastante en ver como o proxecto de Google Glass volve á luz pública, outras iniciativas semellantes seguen a prosperar, e así as lentes Recon Jet están xa a preparar o seu lanzamento comercial para o vindeiro 1 de xullo a un prezo de 699 dólares (646,89 euros), de xeito que teriamos un produto moito máis económico que os prototipos do programa Exploradores de Google Glass.
Estamos ante unhas smartglasses pensadas para a práctica deportiva (principalmente para ciclistas e corredores) que facilitarían a visualización de información de seguimento da actividade física, de xeito que, aparte de servir de visor de datos GPS podería aproveitarse para recibir información de sensores como un pulsímetro ou un medidor da forza que facemos no pedal da bicicleta. Tamén contaría cunha cámara para poder capturar fotografía e vídeo nunha perspectiva de primeira persoa, amosaría notificacións do móbil (co que pode comunicarse a través de Bluetooth para facer incluso de mans libres ou de accesorio para a reprodución multimedia), contrólase mediante un touchpad óptico e 2 botóns que incluso permitirían o seu uso con luvas e, ao incluír montura e lentes, tamén achega a debida protección ante a radiación UVA e UVB.
En prestacións este dispositivo parece bastante completo, que funciona cun procesador ARM Cortex-A9 de dobre núcleo a 1 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, acelerómetro, xiroscopio, magnetómetro, sensor de presión, infravermellos, GPS, Bluetooth 4.0, ANT+, Wi-Fi N, microUSB 2.0, 2 micrófonos, altofalantes e batería Li-Ion recargable e intercambiable (rapidamente) cunha autonomía dunhas 4 horas.
Temos así unha tecnoloxía moi semellante á de Google, pero que en vez de buscar unha aplicación para o día a día, especialízase nun uso moi determinado, no que a súa estética non resulta tan dramática como para provocar o rexeitamento dos consumidores.

JPEG - 31.9 KB
As Recon Jet venderanse tanto en negro como en branco


Vídeo promocional das Recon Jet

PUBLICIDADE