Recomezan os GPUL Labs co obxectivo de facer de Galicia unha gran comunidade Maker

mércores, 8 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, afincado na Facultade de Informática da UDC, prepara un novo e importante paso no que se refire ao seu labor de difusión arredor da tecnoloxía e a cultura libres, traballo que se complementa cos seus esforzos para converter a nosa terra nunha factoría de desenvolvedores e makers en clave de código aberto. Estamos a falar da nova edición dos seus GPUL Labs, que están a piques de arrincar logo do “gran impacto que tiveron estes obradoiros o ano pasado”, en palabras do Grupo.
Os GPUL Labs 2017, de feito, serán unha continuidade da edición anterior pero facendo aínda meirande fincapé na necesidade de facermos fronte común arredor da tecnoloxía para todas e todos. A idea, unha vez máis, será xuntar membros e desenvolvedores da comunidade galega de argalleiras/os tecnolóxicas/os (e tamén estatal e internacional) para amplificar coñecemento e realizar proxectos reais de programas feitos na súa integridade con software libre, “contribuíndo á comunidade e adquirindo experiencia ao mesmo tempo”.
Segundo nos contan dende o Grupo, o programa de obradoiros de 2016 foi un rotundo éxito durante os tres meses que durou. Nun plano máis concreto, abrollaron del un total de 11 charlas sobre algunhas das máis modernas tecnoloxías libres (impartidas por relatorios das máis punteiras empresas e asociacións da contorna galega) así como dous hackathons, dos que xurdiron máis de 10 proxectos diferentes. “A repercusión dos GPUL Labs”, engade o Grupo, “estendeuse por todo o territorio autonómico, contando con máis de 450 asistentes, 3 patrocinadores internacionais e 8 empresas colaboradoras”.
Respecto da edición 2017 dos GPUL Labs, consistirá novamente nunha serie de talleres, charlas e hackathons temáticos, todos co nexo común de estaren vencellados ás máis punteiras tecnoloxías libres e impartidas por relatores de recoñecido prestixio. Arduino, Git, React.js, Tensorflow ou Android son algunhas das temáticas que se tocarán fondamente nos Labs, que segundo lembra o GPUL están totalmente abertos a propostas de novas temáticas. Estas pódense realizar a través dun repositorio específico xa habilitado.
A organización tamén informa que as actividades serán todas rexistradas en vídeo e logo penduradas na Rede para que “ninguén fique sen asistir ás mesmas”. Outra das novidades deste ano é que as sesións previstas non se realizarán unicamente na Facultade de Informática da Coruña senón tamén en diversos espazos de traballo das cidades de A Coruña e Santiago, co obxectivo de chegar a un público máis amplo.
Para máis información sobre o evento cómpre visitar a páxina web dos GPUL Labs.
Para rematar, o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux lembra que o obxectivo final desta iniciativa non é outro que “crear un enorme e activa comunidade de software libre en Galicia”, “e non imos parar até conseguilo”, explican.

PUBLICIDADE