Reclamacións a Movistar para que aposte dunha vez por todas polo galego

xoves, 3 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Os operadores de telefonía móbil e os fabricantes (non sendo R no primeiro caso e algún outro caso esporádico no segundo) teñen unha boa materia pendente coa inclusión do galego nos seus produtos ou na comunicación cos clientes. A cousa, lonxe de rematar, semella que vai a máis, en parte porque está claro que o soño das grandes empresas é que todos os seus clientes falen o mesmo idioma. Se o outro día falabamos nesta web do caso de Vodafone e o seu DictaSMS, agora toca facelo da súa competidora, Movistar, a operadora dominante do territorio español, teoricamente chamada a dar exemplo e moi pouco inclinada a achegarse a nós na nosa lingua.
Así nolo recorda A Mesa, a través do seu presidente Carlos Callón, quen se dirixiu esta semana ao presidente da Xunta, á presidenta do Parlamento e ao presidente da dita empresa de telecomunicacións para pedirlles medidas precisas de apoio ao galego en tódalas actividades que Movistar está a desenvolver na nosa terra. Segundo reflicten medios como Galicia Hoxe, o comunicado de Carlos Callón tamén se dirixiu ao secretario xeral de Política Lingüística, departamento que ten un convenio de colaboración asinado coa compañía de telefonía e que polo tanto ten potencial para esixirlle que se respecten os dereitos dos clientes galegos. Para A Mesa, é unha mágoa que toda a publicidade de Movistar sexa en catalán en Catalunya e aquí non poidamos ver a nosa lingua por ningún recanto da súa estratexia de promoción. Amais, Callón lembrou que o presidente de Telefónica, Guillermo Ansaldo, deu en 2008 o seu compromiso para a inclusión do galego na páxina web da compañía, cousa que aínda é unha materia pendente.

PUBLICIDADE