Receptor de TDT ultracompacto

venres, 6 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

A proximidade do apagamento analóxico leva a moitos consumidores a mercar adaptadores de Televisión Dixital Terrestre para poder aproveitar os vellos televisores de cara ao futuro, á vez que melloran a calidade da imaxe e a oferta de canles, pero nalgúns casos (coma os televisores en soportes de parede) os receptores de TDT son bastante complicados de instalar, de aí que no mercado xa haxa toda unha oferta de dispositivos dun tamaño moi reducido, nos que o sintonizador dixital queda situado no propio euroconector do televisor, prescindindo da tradicional caixa que se coloca sobre o televisor.
Dentro deste tipo de dispositivos queremos destacar o Energy T4250, polo seu tamaño ultracompacto (83 x 53 x 22 mm), que pode disimularse perfectamente detrás dun televisor, e que tamén inclúe mando a distancia, un receptor de infravermellos e unha fonte de alimentación. Soporta guía de programación electrónica (EPG), teletexto (VBI), subtítulos e recepción de radio. O seu prezo de venda é de só 34,90 euros segundo o seu fabricante, Energy Sistem.
Este sintonizador de TDT podería ser o máis pequeno do mercado, aínda que para algúns usuarios resultan máis cómodos outros cun tamaño maior, pero cunha rótula que permite o seu uso recto ou en forma de L, pensando especialmente en televisores TFT, que así apenas incrementarían o seu fondo.

PUBLICIDADE