Realme presenta un smartphone económico con grande batería e 5G

luns, 3 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Os smartphones con 5G cada vez teñen prezos máis populares, e o grande expoñente diso que temos agora chega da man da chinesa Realme, que xa non restrinxe esta conectividade a móbiles de gama alta, senón que tamén conta con dispositivos de gama media como o novo Realme V5 5G, que está equipado cun procesador MediaTek Dimensity 720 (que presume de ser o chip 5G máis eficiente da súa clase) e que de lanzamento véndese a 1.399 iuans (171 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e a 1899 iuans (232 euros) con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Pero este smartphone non se conforma con ser probablemente o máis económico do mercado en contar con conectividade 5G, senón que tamén presume dunha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 30 watts (polo que a 5G non prexudicaría a súa autonomía), a súa pantalla Full HD+ de 6,5 polgadas ten unha velocidade de refresco de 90 Hz e tamén conta cun lector lateral de impresións dixitais. Ten son Dolby Atmos e Hi-Res Audio, e incluso conector para auriculares (elemento cada vez máis difícil de atopar nun smartphone moderno), e no que respecta a conectividade tamén goza de Wi-Fi AC e Bluetooth 5.0.
A nivel de cámaras tampouco queda curto este terminal, e presenta unha cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles con apertura f/1.8, un ultra grande angular de 8 Mpíxeles, un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles e un macro de 2 Mpíxeles, acompañados por unha cámara frontal de 16 Mpíxeles situada nunha perforación en pantalla.

PUBLICIDADE