Realme presenta novos móbiles económicos con 5G

martes, 1 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Hai un mes Realme sorprendía presentando un smartphone económico con grande batería e 5G, o Realme V5 5G, que cun prezo de lanzamento que partía dos 1.399 iuans (172 euros) era quen de satisfacer as esixencia de case calquera consumidor á vez que abría a porta a unha 5G asumible, e non conformes con esa proposta agora baixan aínda máis o listón co Realme V3 5G, un smartphone que con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento consegue reducir o seu prezo até os 999 iuans (123 euros) aínda que a súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento xa subiría o prezo aos 1.399 iauans (172 euros). Con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento quedaría en 1.599 iuans (197 euros) o que segue a ser un prezo moi competitivo que desbota a idea de que introducir a conectividade 5G resulta caro.
Este smartphone económico conta cunha pantalla HD+ de 6,5 polgadas, procesador Dimensity 720, cámara traseira tripla cun sensor principal de 13 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, lector de impresións dixitais traseiro, e batería de 5.000 con carga rápida de 18 watts, colocándose probablemente como o teléfono 5G máis modesto do mercado, aínda que polo momento non sabemos se chegará Europa.
Pero Realme non quixo limitarse a lanzar só un teléfono económico e tamén presentou outros dous terminais con prezos moi axustados, pero con prestacións máis avanzadas: o Realme X7 e o Realme X7 Pro. O Realme X7 5G sería o terminal máis básico e compacto, cunha pantalla AMOLED Full HD+ de 6,4 polgadas con lector de impresións dixitais integrado, procesador Dimensity 800U, 6/8 GB deRAM, 128 GB de almacenamento, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, batería de 4.300 mAh con carga rápida de 65 watts e conectividade 5G, que véndese a 1.799 iuans (222 euros) con 6 GB de RAM e 2.399 iuans (295 euros) con 8 GB de RAM, deixando claro que é un dispositivo para usuarios máis esixentes, que buscan un mellor deseño e prestacións máis elevadas de cara a dar o salto á 5G.
Pola súa banda, o Realme X7 Pro 5G xa sería un smartphone máis ambicioso, xa que optaría por un procesador Dimensity 1000+, unha pantalla AMOLED de 6,55 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, altofalantes estéreo e unha batería de 4.500 mAh con carga rápida de 65 watts, á venda por 2.199 iuans (271 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento; prezo que sube aos 2.499 iuans (308 euros) se optamos por 8 GB de RAM e que chegaría aos 3.199 iuans (394 euros) se engadimos tamén 256 GB de almacenamento.
Con estes tres teléfonos Realme cubriría un amplo abano de prezos, de xeito que converteríase nunha das marcas máis atractivas para introducirse na telefonía móbil 5G sen acudir aos smartphones de gama alta.

PUBLICIDADE