Realme presenta novos auriculares sen fíos con cancelación de ruído

mércores, 24 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Realme continúa a ampliar o seu catálogo de accesorios, lanzando agora os Realme Buds Air 2, uns auriculares sen fíos con cancelación de ruído activa, resistencia IPX5 (de xeito que non corren risco coa suor) e un prezo de só 3.299 rupias (37,49 euros), de xeito que son un dos produtos deste tipo máis atractivos comercializado baixo unha marca recoñecida.
Estes auriculares sen fíos son moi completos, ofrecendo até 25 horas de autonomía total grazas ao seu estoxo de carga (achegando até 120 minutos de reprodución musical con só 10 minutos de carga), integrando dobre micrófono para permitir chamadas de voz claras, conectividade Bluetooth 5.2 e modo especial para videoxogos co que reduce a latencia até 88 milisegundos, un peso de só 4,1 gramos por auricular, compatibilidade co sistema de emparellado rápido de Google, detección de uso (pausa a reprodución de xeito automático se quitamos os auriculares (sen quitamos só 1, o outro ponse en modo transparencia para que poidamos escoitar ben o noso contorno) e controis táctiles.
Estes auriculares son unha grande opción para usuarios que usan con frecuencia medios de transporte públicos, xa que a cancelación de ruído permite eliminar boa parte do ruído ambiental, facilitando a inmersión na música, aínda que tamén hai moitos usuarios que gustan desta tecnoloxía para mellorar a concentración traballando no fogar ou na oficina, e poder gozar desta tecnoloxía sen ter que gastar máis de 100 euros é de agradecer. Queda agora por saber cando chegarán estes auriculares ao mercado español.

PUBLICIDADE