Realme 5: un móbil económico con batería de 5.000 mAh

luns, 18 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos meses está a causar sensación o desembarco español de Realme, marca de baixo custo de Oppo que chega con prezos moi axustados e configuracións moi completas, e aínda que o dispositivo estrela sexa o Realme X2 Pro, de cara ao grande público o que está a chamar máis a atención é o Realme 5 Pro, por ofrecer por 199 euros un dispositivo de grande potencial e catro cámaras traseiras, pero que podería ter en breve unha alternativa que para moitos sería máis atractiva: o Realme 5.
O Realme 5 é un novo smartphone que vén de presentarse na India, e que tamén conta con 4 cámaras traseiras (aínda que en vez de ter un sensor de 48 Mpíxeles, confórmase cun de 12 Mpíxeles), un procesador bastante competente (aínda que o Snapdragon 665 sexa inferior ao Snapdragon 712 da versión Pro), pero un elemento no que supera ao irmán maior: unha batería de 5.000 mAh. Temos así o móbil de Realme con maior capacidade de batería, prometendo até 9,1 horas de reprodución de YouTube cunha única carga ou até 8,5 horas xogando ao PUBG.
Este teléfono con pantalla de 6,5 polgadas cunha resolución de 1.600 x 720 píxeles cunha pestana superior central para unha cámara frontal de 13 Mpíxeles, cunha cámara traseira cuádrupla de 12, 8, 2 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, lector de pegadas traseiro, toma para auriculares e porto micro-USB é o que sen dúbida poderiamos definir como un smartphone de entrada, que moitos preferirán pola súa magnífica autonomía, e que confiamos en que pronto se incorpore ao catálogo español de Realme. Na India sae á venda a un prezo de 8.999 rupias (113 euros) con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento, de 9.999 rupias (126 euros) con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, e de 10.999 rupias (138 euros) con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Con este dispositivo temos tamén a confirmación de que as configuracións multi-cámara xa non son exclusiva de móbiles de gama media ou alta, e os móbiles máis económicos poden aproveitar as posibilidades de contar con múltiples obxectivos fotográficos.

Os móbiles de Realme funcionan cunha capa de personalización de Android chamada ColorOS

PUBLICIDADE