ReCore sae á venda dentro do programa Xbox Play Anywhere

venres, 16 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Durante a pasada edición da feira de videoxogos E3 Microsoft anunciou Xbox Play Anywhere, unha nova iniciativa que consiste en que os xogos dixitais que se merquen para Xbox One tamén poderán xogarse en Windows 10 sen custo adicional, podendo conservar as partidas gardadas, os complementos e os logros entre plataformas, e finalmente xa temos aquí o primeiro título lanzado dentro deste programa, ReCore, xogo obra do célebre Keiji Inafune (deseñador de xogos como Mega Man, Lost Planet e Dead Rising) e dos creadores de Metroid Prime, conseguindo dar vida a unha aventura de acción para a nova xeración de consolas creou grande expectación aínda que co seu prezo de lanzamento de 39,99 euros deixan claro que non se trata dun xogo que busca competir cos grandes lanzamentos da campaña de Nadal, pero si enriquecer o catálogo da consola de Microsoft cun exclusivo moi coidado en todos os aspectos.
O xogo coloca ao usuario na pel dun dos poucos seres humanos que queda nun planeta controlado por robots inimigos que quererán destruírnos, polo que para sobrevivir haberá que forxar alianzas cun grupo de camaradas robóticos con cadansúa habilidade, que axudarán a vivir unha aventura a través dun mundo dinámico e misterioso.
Cómpre detallar que o xogo conta con textos traducidos ao español, pero con voces en inglés (como por desgraza nos ten afeitos Microsoft nos xogos da nova xeración e consolas) e no caso de querer gozar de ReCore en PC debemos ter como mínimo un equipo con Windows 10 de 64 bits, 8 GB de RAM, 2 GB de memoria gráfica, un procesador Intel Core i5 3550 a 3,3 GHz ou superior e unha gráfica que como mínimo sexa unha AMD Radeon R7 370 ou nVIDIA GeForce GTX 660/570.

Tráiler de lanzamento de ReCore

PUBLICIDADE