Razer presenta un controlador para streaming

xoves, 14 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos anos Elgato conseguiu que a súa Stream Deck se convertese nun complemento ideal para as retransmisións de vídeo en directo a través das posibilidades que ofrece esta especie de teclado programable, e a marca para gamers Razer lánzase agora a competir con este produto co seu Razer Stream Controller, un dispositivo moito máis completo, que realmente trátase dunha versión remarcada de Loupedeck Live, buscando así chegar a un público máis amplo grazas á reputación de Razer.
Este control para streaming de Razer conta con 12 teclas hápticas Switchblade, que permiten lanzar accións de xeito áxil, elemento co que competiría coa Stream Deck de Elgato, pero para marcar a diferenza ten tamén 6 diais analóxicos táctiles que facilitan principalmente o axuste de niveis de volume durante as retransmisións en directo, o que resulta especialmente práctico para os creadores de contido.
Para poder cambiar a disposición das teclas programables pódense usar os 8 botóns programables que tamén inclúe a Razer Stream Controller na súa parte inferior, e que tamén serven para realizar accións comúns. Tamén é posible activar un modo dinámico que muda automaticamente entre os perfís programados en función da aplicación en uso detectada.
Este accesorio terá un prezo de 269,99 euros e é compatible cos principais programas de streaming, contando cunha ampla colección de complementos e con moitos paquetes de iconas descargables (contando tamén coa posibilidade de que os usuarios creen as súas propias iconas para os botóns personalizables).

O novo accesorio de Razer está claramente enfocado a usuarios que realizan retransmisións de vídeo en vivo a través da Rede

PUBLICIDADE