Razer presenta o primeiro ultrabook orientado aos videoxogos

mércores, 4 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A feira IFA de Berlín foi o escenario elixido por Razer para presentar o Razer Blade Stealth 13, portátil cunha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1650 que presume de ser o primeiro ultrabook para gaming do mundo, xa que estamos ante un equipo de grandes prestacións cun procesador Intel de 10ª xeración dentro dun chasis de só 15 milímetros e 1,3 quilos de peso.
O Razer Blade Stealth 13 con GeForce GTX 1650 chegará en dúas variantes en función da resolución da súa pantalla de 13 polgadas (Full HD ou 4K táctil), ambos cun procesador Intel Core i7-1065G7, 16 GB de RAM LPDDR4 e 512 GB de SSD. Este modelo ten unha carcasa de cor negra.
Pero tamén estaría dispoñible o Razer Blade Stealth 13 Mecury White Edition, ou sexa, cunha carcasa de cor branca, que mantén o mesmo procesador, pero limita a súa gráfica a unha Intel Iris Plus, a resolución da súa pantalla a Full HD e a capacidade do seu SSD a 256 GB, polo que distanciaríase da configuración apta para videoxogos do modelo anterior.
Estes equipos chegarán ao mercado a finais de mes a un prezo que partirá dos 1.679,99 euros.

PUBLICIDADE