Razer integra un anel de luz na súa última webcam

venres, 20 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A marca de produtos para gamers Razer presentou novos produtos para os xogadores que realizan retransmisións en vivo a través da Rede, un micrófono e unha cámara, resultando especialmente rechamante esta última, xa que a cámara Razer Kiyo sería a primeira webcam de escritorio que integraría un anel de luz con 12 niveis de brillo, o que permite compensar a reducida luz que habitualmente teñen os xogadores fronte ao PC.
A cámara Razer Kiyo é unha cámara capaz de captar vídeo a 720p a 60 imaxes por segundo ou Full HD a 30 imaxes por segundo, conectándose ao PC mediante USB 2.0, podendo disparar fotografías de 4 Mpíxeles e, loxicamente, compatible co Open Broadcaster Software e Xsplit (para facilitar as retransmisións en directo). O seu prezo de venda é de 109,99 euros.
Curiosamente xa hai accesorios semellantes pensado para disparar mellores selfies co móbil, de aí que sorprenda que ningún outro fabricante se animase antes a lanzar un produto deste tipo para ordenadores persoais, pois claramente atende a unha demanda real de conseguir bo vídeo sen ter que utilizar un complexo sistema de iluminación.

Vídeo promocional da cámara Razer Kiyo

PUBLICIDADE