Rascayú obtivo unha excelente acollida no Cartoon Forum de Toulouse

luns, 17 de setembro do 2012 Raquel Noya

A serie galega de animación para TV, Rascayú, acudiu a pasada semana á 23ª edición do Cartoon Forum celebrado na localidade francesa de Toulouse, onde segundo os seus responsables “suscitou o interese de investidores, broadcasters e produtores nacionais e internacionais”.
Rascayú, producido pola firma coruñesa Otiiplanet Group e con produción executiva de Abano Producións, foi o único proxecto galego presente neste foro europeo de series de animación para televisión, segundo din, “o meirande de Europa”, e ata alí viaxou da man do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) co apoio económico do IGAPE.
O equipo responsable de Rascayú en Toulouse, entre o que se atopaba o confundador de Otiiplanet, Juan Nouche, e a directora xeral de Abano, Chelo Loureiro, ían a Francia na procura de asinar acordos con coprodutores e axentes de vendas internacionais, e segundo afirman, “amósanse encantados coa excelente acollida que tivo a serie no evento”.
É non é para menos pois, segundo explica a directora xeral de Abano, xa teñen tres posibles coprodutores en Luxemburgo, Holanda e Alemaña, aos que hai que engadirlle as firmas nacionais TVE e TV3, que amosaron interese pola serie, e a empresa Telefónica, “con quen xa se iniciaron negociacións”, afirma Loureiro.
Asemade, varias distribuidoras internacionais de Francia e o Reino Unido manifestaron o seu interese pola serie, aínda que finalmente “da distribución da serie encargarase a compañía Finding for you”, declarou a responsable de Abano.
Rascayú viaxou a Toulouse xunto con outros seis proxectos máis do ámbito estatal, o que confirma a animación española como unha das máis importantes de Europa tan só por detrás de Francia e o Reino Unido.

PUBLICIDADE