Rakuten TV achega canles de balde aos televisores de Samsung e LG

mércores, 28 de abril do 2021 Marcus Fernández

A plataforma audiovisual en liña Rakuten TV, seguindo os pasos de Pluto TV, estrea en España as súas canles, permitindo así que usuarios de televisores Samsung TV Plus e Smart TV de Samsung e LG dos anos 2020 e 2019 poidan acceder a unha selección de contidos de múltiples xéneros programados nunha grella, ou sexa, o equivalente a canles de televisión en aberto.
Esta plataforma ofrece películas, series de televisión, informativos, música, programas de lecer, programación infantil, programas de estilo de vida... integrando publicidade personalizada (agás que o usuario rexeite o rastrexo, caso no que recibiría publicidade xenérica).
Para acceder a estas canles nin sequera é preciso ter conta de usuario na aplicación de Rakuten TV, que dende hai tempo tamén integra contidos de balde para animar ao seu uso. As novas canles de Rakuten TV están actualmente en probas, coa previsión de incorporar máis canles e máis dispositivos compatibles ao longo do tempo.

As canles de Rakuten TV ofrecen contidos propios da televisión tradicional

PUBLICIDADE