Radiohead, líder de vendas co seu traballo máis dixital

xoves, 10 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Todo seareiro musical pasa algunha vez por non saber moi ben cómo entender as actitudes dos seus artistas ou grupos preferidos. Hai algúns que poñen certamente a proba a capacidade de asimilación dos afeccionados, como por exemplo David Bowie, recoñecido polo valor da súa música e, tamén, polos xiros de fondo e forma que deu a súa carreira. Radiohead tampouco fica atrás. Sen necesidade de afondar é posible ver dous grandes cambios de rumbo na súa andaina. Primeiro, o que tivo lugar no seo da súa propia concepción musical, pasando do rock independente á experimentación electrónica e, segundo, o que se deu nas canles coas que se comunican e interrelacionan co seu público.
Falamos pois da súa aposta pola venda exclusiva na Rede do seu último traballo (In Rainbows) e ó prezo que fixase o mesmo internauta, manobra que por unha banda abriu vieiros de mercado e, pola outra, espallou as posibilidades comerciais do propio grupo. Dito doutro xeito: a xogada non puído saír mellor a todos os niveis, xa que In Rainbows é líder de vendas no Reino Unido.
Ademais, figura en todas as escolmas de prestixio do mellorciño de 2007 (como en Allmusic.com) e, aínda por enriba, serve de referente a grupos como Oasis para futuras manobras do mesmo pau.
Revolución musical ou marketing puro e duro? Innovación ou oportunismo? O certo é que hai opinións na Rede para todos os gustos e, como en tantas outras cousas, é ben posible que a resposta estea no canto en que todas as opinións se tocan. É dicir: que é probable que haxa un pouco de todo. Sexa como sexa, Radiohead semella ir en serio no que se refire á aposta polo dixital, polo libre, fronte ós tradicionais puntos de vista da sección máis proteccionista da industria do disco, para quen o mellor que pode pensar no seu negocio é que todo fique igual durante décadas e máis décadas (é dicir, con CDs nos andeis das tendas por perpetuidade de 19 euros cara a arriba).
Por certo que recentemente falamos nesta mesma web da publicación dos seus primeiros sete traballos nunha memoria USB. Algo así como levar na chaqueta unha chapa da túa banda preferida, pero agora resulta que a chapa é o propio grupo.

PUBLICIDADE