RØDE lanza os seus primeiros auriculares

luns, 28 de marzo do 2022 Marcus Fernández

O fabricante RØDE é todo un referente á hora de equipar de microfonía a creadores de contido (tanto de vídeo como de podcasts) e ampliando a súa gama de produtos dentro deste mesmo ámbito conta por fin cuns auriculares supraurales profesionais, os RØDE NTH-100, que podemos conseguir por 179 euros.
Falamos duns auriculares de diadema que prometen unha grande calidade sonora, aínda que coida especialmente o apartado do confort, para o que ten unhas almofadas de Alcantara con xel CoolTech, conseguindo así reducir a fatiga de levar os auriculares postos durante moito tempo. Tamén contan cun sistema de bloqueo FitLok para manter ben axustados os auriculares, e o seu cable é extraíble (elemento moi importante se confiamos en que os auriculares vaian ter unha vida longa).
Estes auriculares con drivers de 40 milímetros veñen cun cable de 2,4 metros, adaptador de mini-jack a jack, bolsa para o seu almacenamento, e un xogo de identificadores de cores (lembremos que RØDE promove o uso de cores para identificar usuarios durante a gravación de podcasts).
Estamos ante un produto que parece moi recomendable para instalacións fixas (o seu transporte non parece cómodo, xa que non poden encartarse) e actualmente o seu principal defecto sería o prezo, xa que hai produtos semellantes de marcas como Sony, AKG ou Audio-Technica por preto dos 100 euros, aínda que neste caso temos que recoñecer que estamos a falar dun prezo de lanzamento susceptible a baixar considerablemente nos vindeiros meses.

Vídeo promocional dos auriculares RØDE NTH-100

PUBLICIDADE