R sube de prezo a súa tarifa móbil máis económica

mércores, 27 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Continúan os cambios de tarifas nos operadores de telecomunicacións incrementando prezos a cambio dunhas mellores prestacións non solicitadas, como están a facer Euskaltel e R, que agora incluso suben prezos nas súas tarifas móbiles máis económicas, de xeito que agora a Tarifa 0 2GB convértese en Tarifa 0 3GB 4G pasando de custar 10 a 11 euros/mes, ou sexa, que incrementa 1 Gb o seu volume de datos contratado e inclúe conectividade 4G incrementando o prezo nun euro. Lembremos que hai un ano tiñamos a Tarifa 0 1GB a 9 euros, polo que a práctica de subir prezos incrementando o volume de datos parece estar a converterse nun costume e, de feito, a finais do ano pasado aplicaron un cambio nesta liña á meirande parte das súas tarifas móbiles.

Euskaltel responde a Vodafone Pass

Queda por ver agora se R tamén introducirá como novidade nas súas liñas móbiles os Bonos Ilimitados que está a anunciar Euskaltel, e que serían unha reacción aos populares Pass de Vodafone, ou sexa, que por unha cota mensual permiten gozar de datos ilimitados no móbil a unha serie de servizos.
Polo momento Euskaltel anuncia 4 modalidades que poden contratarse por 5 euros/mes cada unha e que serían o +Social (que inclúe o tráfico das principais plataformas sociais, como WhatsApp, Facebook, Instagram ou Twitter), +Música (cos servizos de música en streaming), +Vídeo (con YouTube, Netflix, HBO e outras plataformas de vídeo en liña) e +Fin de Semana (que incluiría os tres bonos anteriores, pero só dende as 14:00 horas do venres até as 0:00 horas do luns).
Cómpre destacar que estes bonos aplícanse ao tráfico a través das aplicacións dos servizos incluídos, ou sexa, que non funcionará de empregarse a través das versións web dos servizos.

PUBLICIDADE