R salienta a relevancia da Intelixencia Artificial para garantir a máis óptima explotación dos datos

venres, 21 de maio do 2021 S. P.

Baixo o título Explotación dos datos corporativos mediante IA deuse continuidade na mañá deste 21 de maio ao obradoiro dixital organizado hai un mes por R arredor do goberno do dato. Con esta nova xeira do venres, completouse a miniserie de eventos dixitais interactivos de R para avanzar e profundar máis nas claves da xestión e explotación da información, pasos cruciais para unha óptima dixitalización das empresas. Na sesión deste venres participaron os principais responsábeis de BAI Analytics, o proxecto de IA de R.
O científico Ignacio Vilaplana, clarificou o papel transcendental da IA para asegurar a explotación dos datos da empresa e para extraer o máximo rendemento de toda esa información, moitas veces sensíbel e de difícil obtención para as propias organizacións.
Vilaplana explicou que “...unha vez administrados e combinados os datos de xeito seguro e eficiente, poderemos tomar decisións baseadas neles. Só esa capa de datos dispoñíbeis, gobernados e de calidade, pode utilizarse para realizar modelos preditivos de IA que respondan as preguntas fundamentais do noso negocio e nos permitan ser máis eficientes. Por iso, os modelos deben ser, sobre todo, moi precisos, e as súas predicións, coñecidas e controladas; estes modelos en produción tamén deben ser controlados para saber como se están a usar e que resultados están a ofrecer”.
Miquel Gil, pola súa banda, explicou que “a gobernanza axeitada dos modelos tamén nos axuda a reducir custos en recursos, xa que o readestramento dos modelos con novos patróns de datos debe facerse unicamente cando sexa necesario, nin máis a miúdo nin menos; só no momento en que se precise”.
Grazas a esta xornada de R, o auditorio, composto por arredor de 180 profesionais e responsábeis de empresas, puido achegarse de primeira man ás ferramentas necesarias para preparar o dato de cara ao seu tratamento con IA e desenvolver modelos, controlalos para avaliar o seu comportamento e tomar decisións e mesmo modificar os patróns establecidos de partida “readestrando” eses métodos de explotación da información corporativa.

PUBLICIDADE