R organiza as súas Xornadas Tecnolóxicas, Mentes Dixitais, centradas na ciberseguridade
martes, 3 de xuño do 2025
A ciberseguridade é un tema moi de actualidade e de grande importancia nestes tempos, así o saben os de R que presentan unha nova edición das súas Xornadas Tecnolóxicas, que terá lugar o xoves 5 de xuño no Miradoiro de San Pedro da Coruña (restaurante Árbore da Veira), para abordar dende as perspectivas doutras mentes dixitais este tema.
Indo á xornada Mentes dixitais, abordarase a situación xeopolítica mundial e achegaranse algunhas claves para as empresas poderen moverse nun contexto completamente novo e aínda en proceso de transformación. Este encontro está dirixido ao empresariado galego nun momento que require reflexionar pondo o foco nas ameazas dixitais que nos rodean e fronte ás que debemos estar preparados/as e ser resilientes. Para facer fronte a isto é preciso ter información que nos permita superar retos e construír unha sociedade máis avanzada, madura e preparada.
Indo ao acto, Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia (Premio Enxeñeiro do Ano 2024 polo COETG), abrirá o acto e falará sobre o contexto da ciberseguridade como fundamento e clave do funcionamento actual de calquera empresa. Logo intervirá o primeiro convidado das Xornadas de 2025, Pedro Baños, Coronel de Infantaría do Exército de Terra (na reserva) para analizar, entre outros temas, de que maneira actores estatais e non estatais empregan o ciberespazo como ferramenta de presión, influencia ou sabotaxe. Tamén falará sobre a fragmentación do poder internacional e a crecente rivalidade xeopolítica, que están a xerar novas ameazas cibernéticas. O relatorio de Baños ofrecerá unha visión estratéxica sobre os riscos máis relevantes no ámbito dixital e exporá recomendacións clave tanto para institucións públicas como para empresas privadas, co fin de reforzar a súa resiliencia neste escenario incerto e cambiante.
Despois será a quenda de Silvia Leal, experta internacional en tecnoloxía e tendencias de futuro, que disertará sobre os principais riscos en materia de ciberseguridade que ameazan ás empresas no actual contexto tecnolóxico. Leal achegará unha visión estratéxica sobre como anticiparse ás ameazas e converter a ciberseguridade nunha vantaxe competitiva.
Para pechar o evento farase entrega do II premio aleluIA, certame inaugurado nas Xornadas R do ano pasado, que distingue proxectos onde se premia a creatividade e o espírito innovador á hora de aplicar a tecnoloxía.
Axenda Mentes dixitais
- 9:15 h Recepción de asistentes
- 9:30 h Benvida e presentación (Alfredo Ramos, Director de R)
- 9:45 h Riscos cibernéticos nun mundo multipolar: implicacións para gobernos e empresas; Pedro Baños, Coronel de Infantaría do Exército de Terra (Acompáñao Xosé Luís Vilela, Director de La Voz de Galicia)
- 10:40 h Riscos e claves estratéxicas para as empresas; Silvia Leal, experta internacional en tecnoloxía e tendencias de futuro (Acompáñaa Susana Rey Baldomir, membro da OPD de R e de +O)
- 11:30 h II Premio aleluIA
- 11:45 h Peche
- 12:00 h Petisco para xerar sinerxías