R leva fibra óptica de 500 Mbps a 1.450 fogares e empresas de Porto do Son

mércores, 8 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A compañía R vén de incorporar a Porto do Son á rede de concellos que desfrutan das súas redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra óptica: o tecido de municipios que contan cos avanzados equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) da operadora galega. O subministro desta infraestrutura na capital do concello implica a dispoñibilidade de accesos de nova xeración (con servizos avanzados de teléfono, Internet de alta velocidade con 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R) para 1.450 fogares e empresas da vila costeira e a súa contorna.
Amais, a finais de xuño conectaranse outros 1.230 fogares e empresas da outra gran localidade do municipio, Portosín, o que dará como resultado un total de 2.680 residencias particulares e negocios conectados á rede do operador galego cando se completen todos os traballos, uns traballos que, segundo explica a compañía de cable, tentaron tirar o máximo proveito das infraestruturas municipais previamente existentes na localidade.
O fornecemento de fibra no devandito concello abéiranse ao Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento.
Xunto co da provincia da Coruña, o operador galego conseguiu tamén a adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo e Ourense e outro para a de Pontevedra. En total, os tres proxectos supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3 son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de Coruña o investimento total rolda os 3,8 millóns de euros, dos cales 2,1 proceden dos fondos europeos.
R engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas “zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia.

PUBLICIDADE