R integra Netflix nas facturas dos seus clientes

luns, 7 de xaneiro do 2019 Redacción

A operadora galega R comezou o ano achegando detalles dunha das grandes novidades da compañía relativa ao seu servizo de televisión. Estamos a falar da incorporación de Netflix ao deco 4K da operadora, proceso que anunciamos hai máis dun ano dende Código Cero e que colleu pulo recentemente coa incorporación dun novo botón directo a Netflix nos mandos do novo deco e, agora, coa posibilidade de integrarmos Netflix na factura de R.
Este tipo de abono mensual é unha realidade grazas á metodoloxía de carrier billing, é dicir, un pago integrado na factura. O obxectivo de R é facilitar aos clientes a subscrición e o pago do servizo a través dunha única factura. A mellora está a disposición dos usuarios que teñan o novo decodificador da operadora, dispoñíbel para quen teña contratado os paquetes de TV familia, TV total, TV festa rachada ou algunha das opcións á carta contratadas.
R lembra que Netflix é un servizo de contidos audiovisual que permite ver milleiros de series, películas e documentais a través do televisor e doutros dispositivos. No seu catálogo inclúense filmes exclusivos que están a romper records en materia de visualización de audiovisual a través de plataformas de pago á carta, como A ciegas de Sandra Bullock, que obtivo máis de 45 millóns de reproducións nuns poucos días.

PUBLICIDADE