R empeora a súa oferta de tarifas móbiles

luns, 12 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que a renovación de tarifas dos operadores de telecomunicacións nos últimos anos tendía á redución de prezos e melloras de servizos a prol da competitividade, o operador con sede en Galicia, R, sorprende facendo o contrario, deixando de ofrecer mensaxes de balde nas súas tarifas, eliminando a Tarifa 0 e subindo o prezo por minuto das chamadas que excedan os minutos nas súas tarifas planas.
A partires de agora, en todas as tarifas as mensaxes de texto custarán 12 céntimos (IVE incl.) fronte os 10,9 céntimos que custaban antes, á vez que eliminan as SMS de balde que incluían as tarifas con bonos de minutos (aínda que agora é posible contratar bonos de 100 SMS por 1 euro).
No caso das tarifa planas 12 e 18, os minutos que superen o límite contratado cobraranse a 19 céntimos/min., prezo que tamén terán os minutos que cada chamada que superen os 60 (desta volta, en calquera tarifa plana), cando até o de agora o prezo que tiñan os excesos era de 9,7 céntimos/min.
Pero posiblemente o cambio máis importante é a eliminación dunha das tarifas de entrada máis importantes, a Tarifa 0, que por 11 euros/mes ofrecía chamadas a 0 céntimos/minuto e 1,5 GB de transferencia de datos. Deste xeito, os usuarios que queiran unha tarifa que cobre segundo o consumo só poderán contratar a Tarifa 1, con chamadas a 1 céntimo/min. cun establecemento de chamada de 19 céntimos (que antes era de 18,15 céntimos) e só 500 MB de transferencia de datos por 7 euros/mes.
Dá a impresión de que este nova estrutura de prezos de R busca motivar aos usuarios a contratar tarifas máis caras, de xeito que os usuarios cun reducido consumo de voz atoparán mellores opcións noutros operadores virtuais (por exemplo, Lowi ofrece chamadas a 0 céntimos/min e 1 GB de datos por 6 euros/mes, elevando o volume de datos até os 2 GB de pagarmos 11 euros/mes, de xeito que incluso melloraría a mencionada Tarifa 0 de R).

PUBLICIDADE