R e Casa de Tolos estrean novos contidos en Tolemias

venres, 29 de novembro do 2013 Redacción

O estudo de gravación Casa de Tolos e máis o operador galego R estrean este sábado 30 o documental Música: Alma & Industria, dispoñíbel dende o 1 de decembro no servizo de vídeo baixo demanda da compañía de telecomunicacións e fibra óptica. A cita será no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña. O documental, a partir de aí, achegarase á comunidade de espectadores galegos a través da canle Tolemias, cadea de subscrición de R centrada na retransmisión de concertos en vivo gravados nos estudos da Casa de Tolos.
A obra que se presenta este sábado inclúe entre outras cousas actuacións e declaracións de Rui Veloso, Anxo Pintos, Omar Faruk ou Patricia Moon, entre outros artistas, todos amosando as súas visións “sobre a beira máis espiritual e a máis material do mundo da música”, sinala R. Ademais destes artistas, a obra en cuestión acubilla as visións de músicos de todo o mundo sobre o devandito (este xuntar ceo e terra no plano musical), un total de 24 puntos de vista diferentes e 135 frases para reflexionar.
Lembrar que os clientes da televisión de R poden acceder ao documental e aos devanditos concertos gravados por Casa de Tolos (Tolemias) a través do servizo de subscricións (1,08€/mes, IVE incluído, 0,90€/mes sen IVE) do vídeo baixo demanda de R. “Nesta televisión dixital interactiva”, informa a compañía galega, “o subscritor accede a esa canle de contidos tantas veces coma queira e no intre en que desexe e pode facer pausas ou rebobinar ao seu gusto coma se dun DVD se tratase”. Sinalar tamén que a canle Tolemias escolma as actuacións que Casa de Tolos vén gravando por toda a xeografía galega e que pretende seguir completando para conformar “unha canle variada, ampla e para todos os públicos na que se integren diferentes estilos musicais”. A día de hoxe xa inclúe máis de 100 concertos gravados pola xeografía galega e co denominador común do directo. “A nosa idea”, sinalan R e A Casa de Tolos, “é levar a forza dese directo, demandado por audiencias de todas as idades, aos fogares dos clientes de televisión dixital de R (máis de 100.000), respectando en todo momento o sentido da música en vivo no referente ao hábitat propio do músico”.

PUBLICIDADE