R conciencia ás empresas galegas sobre ciberseguridade

xoves, 5 de xuño do 2025 Redacción

R celebrou esta mañá unha nova edición das súas Xornadas Tecnolóxicas, de novo no restaurante Árbore da Veira, no Miradoiro de San Pedro, para explorar, da man de destacadas mentes dixitais, o papel esencial da ciberseguridade.
Na xornada Mentes dixitais analizouse a situación xeopolítica actual e ofrecéronse claves prácticas para instar ás empresas a adaptarse ao contexto global sen fronteiras en transformación constante.
Un encontro, destinado ao tecido empresarial galego, botou a andar coa benvida por parte do director de R e MasOrange en Galicia, Alfredo Ramos, quen contextualizou o rol crucial da ciberseguridade como alicerce do funcionamento empresarial actual.
Pedro Baños, coronel de Infantaría (na reserva), acompañado polo director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, afondou no uso do ciberespazo como ferramenta de presión e sabotaxe por parte de actores estatais e non estatais. Tamén abordou como a fragmentación do poder mundial e a rivalidade xeopolítica derivan en novas ameazas dixitais. A súa intervención realizou unha análise estratéxica dos principais riscos e achegou recomendacións prácticas para fortalecer a resiliencia de institucións públicas e empresas privadas.
Tras esta ampla panorámica da ciberseguridade os asistentes puideron coñecer a visión da ciberseguridade da experta internacional en tecnoloxía e tendencias de futuro Silvia Leal, quen acompañada por Susana Rey (da Oficina de Privacidade e IA de R), abordou material que van dende os ciberataques avanzados ata a carencia de cultura dixital. Insistiu na necesidade dunha formación continua para loitar contra os ciberataques e mitigar o seu impacto, salientado o feito de que as empresas que parecen ataquen tenden a perder unha boa parte dos seus clientes, polo que considera fundamental dar confianza, non só adoptando medidas, senón tamén divulgándoas, conseguindo así un efecto dobre: mellorar a seguridade e disuadir aos atacantes (que preferirán obxectivos máis doados).
Aínda que boa parte das intervencións de Silvia Leal podería parecer negativas, por estar continuamente a alertar das moitas ameazas ás que ten que facer fronte dende as empresas, quixo pechar coa luz da esperanza, deixando caer que os avances en computación cuántica que moitos están a ver como unha ameaza para os sistemas de cifrado, poderían supor tamén unha importante mellora para a seguridade grazas ás imposibilidade de interceptación dos entrelazamentos cuánticos.
Como peche da xornada fíxose entrega o II Premio aleluIA, galardón que distingue proxectos tecnolóxicos marcados pola creatividade e a innovación, á empresa lusa de accesorios e moda Parfois. O CTO da compañía, Jesús Salceda, recolleu o recoñecemento da man de Xosé Penas (grandes contas de R), e comentou o bo uso que están a facer da ferramentas tecnolóxicas para xestionar o abastecemento dos seus establecementos, considerando que é un elemento clave para o seu éxito empresarial.

Xosé Luís Vilela, Susana Rey, Silvia Leal, Jesús Salceda, Xosé Penas, Alfredo Ramos e Pedro Baños participaron nestas Xornadas Tecnolóxicas R
Pedro Baños e Xosé Luís Vilela exploraron moitas das preocupacións sobre a ciberseguridade no ámbito global
Na conversa entre Silvia Leal e Susana Rey non faltaron as anécdotas sobre incidentes de seguridade
Jesús Salceda destacou a importancia da tecnoloxía para conseguir o magnífico desempeño das tendas de Parfois