R chega ás 18.000 liñas de móbil logo de medio ano ofertando o servizo

xoves, 3 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Os 4 terminais que incorporan o galego

O operador galego R vén de facer reconto sobre o acadado nos últimos meses en materia de liñas de telefonía móbil, logo da recente decisión (hai xusto agora seis meses) de abrir cara a este eido en concreto a súa liña de negocio, unha liña que comezou sendo sobre todo de servizos de rede, telefonía e televisión por cable. Segundo vén de apuntar a compañía, no mes de xuño que vimos de deixar atrás acadáronse un total de 18.000 liñas, dando como resultado unha contratación media de 150 rexistradas por xornada. Na súa meirande parte, prosegue R, estes servizos están a ser solicitados por clientes que teñen xa á súa disposición algún outro servizo do operador (telefonía fixa, internet ou televisión de pagamento).
Por segmentos, di R, “arredor dun 80% das liñas pertencen a clientes particulares, mentres que o 20% restante se corresponde con profesionais e empresas (dato que está a medrar e que supuxo o 26% das liñas activadas no mes de xuño)”.
O informe tamén achega unha serie de datos positivos para a firma sobre as vantaxes da portabilidade (que nos mantén un número concreto mesmo se trocamos de empresa se servizos de telefonía), sendo a porcentaxe de liñas acadadas por esta vía do 60%. Ou sexa: liñas procedentes doutras empresas do sector. Segundo sinala o operador galego, unha das principais razóns que están a animar aos cidadáns a solicitarlle servizos de telefonía móbil reside na posibilidade de falar a 0 céntimos o minuto entre os móbiles e os fixos contratados. Tamén se está a valorar especialmente o consumo mínimo de seis euros, que deixa marxe para compensarse entre as liñas dun mesmo contrato. Amais do devandito, cómpre ter en conta que unha boa cantidade dos clientes de R son galegos e falan en galego, entrando polo tanto en xogo os factores “proximidade” e “lingua común”.

PUBLICIDADE