R axuda a combater a monotonía do confinamento coa incorporación de Surf Channel

martes, 14 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A operadora R anunciou este martes 14 de abril a incorporación de novos contidos para mitigar a imposibilidade de saír dos nosos fogares: contidos que nos axuden a desconectar da situación e a sobrelevala da mellor maneira posíbel. En concreto, a compañía galega incluíu a canle Surf Channel na súa grella, unha canle específica de deportes surfeiros e semellantes que de pode ver dende xa no dial 75 de R e que, en palabras da operadora, “enriquece a completa proposta de contidos de máis de 90 canles” que achega a empresa aos seus clientes. Surf Channel ofrécese en aberto e con contido exclusivo de rebobina.
Esta incorporación únese a un completo feixe de novidades achegadas por R durante o Estado de Alarma e que se poden consultar no apartado Euquedonacasa. O operador galego lanzou nos últimos días algunhas medidas co obxectivo de “axudar aos clientes nos seus confinamentos”, como a emisión gratuíta de diversas canles de cine para toda a familia, e da apertura de canles infantís para todos os usuarios de televisión de R (con independencia do paquete contratado), de maneira automática. Estas canles infantís son Panda, Disney Junior, Disney XD, Baby TV, Nick e Nick Jr.
Ademais, como “axuda ao público máis novo que está a estudar nas súas casas”, engadiu ao rebobina o Especial de Canle Historia con máis de 25 programas históricos dirixidos en especial aos estudantes, que “nestes momentos non poden acudir aos seus centros educativos”.
Ademais das canles de televisión de balde, R abriu a TV Total no seu servizo de televisión en liña TV Comigo, para que, “tanto os clientes como os non clientes que teñan que pasar estes días en centros hospitalarios, poidan acceder aos mellores contidos de televisión”.
Medra o consumo de televisión
R constatou que nestes momentos o consumo medio diario de televisión é de 5,4 horas diarias, isto é, un 45 % máis do habitual. Ademais, o tempo consumido na oferta de contidos na televisión en directo medrou un 47 % (ata as 4,5 horas diarias) e a oferta de contidos baixo demanda incrementouse un 32 % a respecto de febreiro.
Pola súa banda, os consumos de contidos infantís en televisión aumentaron un 54 %. Amais, a visualización de contidos de cine para toda a familia aumentaron un 55 %.

PUBLICIDADE