R adianta detalles do seu futuro descodificador de alta definición

venres, 25 de marzo do 2011 Marcus Fernández

R, o operador de telecomunicacións sito en Galicia, está a preparar a modernización do seu servizo de televisión, polo que van a adaptalo á alta definición grazas a un novo descodificador que achega interactividade (cun motor que permite executar aplicacións interactivas baseadas en servizos web e cunha interface gráfica con animacións en 3D), vídeo baixo demanda (servizo que teñen pensado lanzar en breve dende R), gravación de vídeo en disco duro e saída de vídeo de alta definición (ata 1.080p).
O novo descodificador pode conectarse á rede local doméstica (para, por exemplo, acceder aos contidos multimedia compartidos a través do ordenador), ten unha conexión para poder conectar as consolas de videoxogos domésticas á Rede sen complexas instalacións, conta con porto USB para poder reproducir contidos propios ou incluso para instalar periféricos como cámaras de videoconferencia, e permiten a instalación no seu interior dun disco duro de ata 1 Tb para gravar os nosos programas de televisión favoritos.
Os máis impacientes poderán solicitar a R o prerrexistro para poderen ser os primeiros en gozar do novo descodificador de alta definición, que chegará cunha condicións comerciais por determinar.
De todos os xeitos, os usuarios que desexen ver contidos en alta definición actualmente poden aproveitar a oferta da TDT conectando o seu televisor directamente á toma de televisión de R, na que, aparte da súa oferta de televisión multi-canle en DVB-C, tamén chega a Televisión Dixital Terrestre ordinaria.

PUBLICIDADE