R achega 200 tarxetas SIM de 50 GB a estudantes en situación de risco

martes, 7 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A operadora R confirmou hoxe nun comunicado á súa adhesión á iniciativa da Xunta (impulsada pola Consellería de Educación e a axencia AMTEGA) para paliar as consecuencias da crise sanitaria, económica e social entre os colectivos de estudantes, achegándolles recursos que lles permitan proseguir a actividade docente a través das posibilidades que brindan as tecnoloxías. A compañía galega de cable colaborará no programa (dirixido a estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP) co fornecemento de 200 tarxetas SIM de 50 GB cada unha delas. Con este material quérese facilitar a conexión do alumnado máis vulnerábel economicamente.
Ademais, o operador galego abriu o seu servizo gratuíto de Rede sen fíos, Wificlientes R, a 300 novos usuarios de familias en risco, para que poidan, botando man da “maior rede Wi-Fi de Galicia”, navegar e conectarse dende calquera dos máis de 130.000 puntos de conexión sen fíos en espazos abertos que R ten en activo nas nosas catro provincias.
A iniciativa de Educación e AMTEGA
Co alumnado confinado nas súas casas dende hai máis de dúas semanas por mor do Estado de Alarma e “ante a posibilidade de que haxa que completar o curso, total ou parcialmente, por medios telemáticos”, a Administración galega puxo en marcha un programa para que un total de 1.000 familias reciban -cada unha delas- un ordenador, e poidan conectarse gratuitamente á rede coa idea de acceder canto antes a contidos e comunicacións académicas. O obxectivo é lles facilitar o seguimento do curso escolar e garantir ao alumnado un apoio inmediato a través de ferramentas tecnolóxicas que permitan traballar en liña na casa.
R cos “clientes, cos profesionais e coa sociedade galega”
R impulsou nas últimas semanas algunhas outras accións que manteñen o foco na mellora da calidade dos seus servizos e en garantir, “por enriba de todo”, a seguridade das persoas. Entre estas medidas están, por exemplo:
·Abrir a súa aplicación de televisión TV Comigo para todas as persoas hospitalizadas, sexan
ou non clientes de R.
· Ofrecer en aberto e sen custo aos seus clientes todas as súas canles infantís.
· Abrir todas as súas canles especializadas de cinema sen custo adicional.
· Ofrecer aos seus clientes de MóbilR un bono gratuíto mensual de 30 GB.
· Aumentar a capacidade de datos de clientes con casuísticas especiais.
· Fomentar o teletraballo: case o 100% dos seus profesionais traballan nestes momentos dende as
súas casas.
Ademais, o pasado 15 de marzo R asinou, xunto ao resto de operadores de telecomunicacións nacionais, un acordo para aconsellar ao conxunto da poboación sobre “o uso máis racional das redes durante o período de confinamento”. Cinco días despois rubricou outro compromiso coas compañías do sector e o Goberno de España para garantir a conectividade de persoas e empresas.

PUBLICIDADE