R-Type II estrea versión para Android

venres, 14 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

DotEmu continúa a achegar grandes clásicos a Google Play, e tras Another World, R-Type e Double Dragon Trilogy, publican esta semana R-Type II, un magnífico shoot’em up de desprazamento horizontal publicado por Irem en 1989 e que está así dispoñible para Android con todos os seus elementos orixinais (6 niveis cos seus xefes finais, potenciadores e accesorios e a posibilidade de gozar do xogo cos seus gráficos orixinais ou aplicándolles un filtro de scanlines para emular a aparencia dunha máquina recreativa) pero engadindo funcionalidades modernas para facelo máis accesible aos xogadores actuais.

O xogo está dispoñible con textos en español

Deste xeito, R-Type II ofrece 3 niveis de dificultade (con vidas infinitas, coa dificultade orixinal ou con dificultade incrementada), dous modos de control (táctil ou mediante cruceta virtual), controis personalizables (permitindo incluso activar o disparo automático), compatibilidade con mandos externos, logros desbloqueables e táboas de clasificación en liña a través de Google Play Game Services, e textos en 10 idiomas (incluíndo o portugués e o español).
O prezo de venda desta recuperación dun clásico da vella escola é de 1,79 euros.

R-Type II conserva os gráficos orixinais na súa versión para dispositivos móbiles

PUBLICIDADE