R-Type Dimensions chegará a Switch e PC no inverno

mércores, 5 de setembro do 2018 Marcus Fernández

En 2009 os usuarios de Xbox 360 tiveron a fortuna de poder gozar de R-Type Dimensions, fusión dos xogos R-Type e R-Type II que presenta 14 fases que poderán percorrerse cos gráficos orixinais ou cunha aparencia gráfica renovada. Este magnífico shoot’em up ou matamarcianos de desprazamento lateral chegou a PlayStation 3 en 2014 e agora Tozai Games anuncia que vai adaptalo a Nintendo Switch e PC (Steam), o que é unha magnífica nova para quen queira recuperar a experiencia de dous grandes xogos de 1987 e 1989.
Aínda que a versión de Xbox 360 é retrocompatible con Xbox One, ou sexa, que pode xogarse na actual consola de Microsoft, R-Type Dimensions era actualmente un xogo cunha dispoñibilidade moi limitada (xa que a versión de PS3 non pode xogarse en PS4) e que vaia ter versión para Switch e PC daralle unha nova vida.
O novo R-Type Dimensions será como as entregas anteriores, ou sexa, que terá as 8 fases de R-Type e as 6 de R-Type II, permitirá gozar do xogo con gráficos 2D ou 3D (conmutables durante o xogo), replicará aos xogos de recreativa no seu modo clásico e tamén contará cun modo infinito. Presentarase en sociedade durante o Toky Game Show e sairá á venda no inverno.

Tráiler do R-Type Dimensions de Tozai Games

PUBLICIDADE